CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

X. Carlos Fdez, Plataforma defensa do ferrocarril Vigo-Ourense: "A sociedade viguesa está adormecida ou mal aconsellada"

07/06/2021 - 08:19 h

A plataforma cidadá, presentada diante dos medios de comunicación o xoves, defende unha liña directa e recta entre Ourense e Vigo. Afirma que o proxecto por Cerdedo é un proxecto esgotado e pouco últil. O ideal, segundo a plataforma, sería unha liña recta por Mondariz, para que a viaxe entre as dúas cidades se puidese cubrir en 25 minutos.
 
O vicepresidente a plataforma, o enxeñeiro de obras Xosé Carlos Fernández, comparou o proxecto co Santiago-Ourense, que une as dúas cidades practicamente nunha liña recta. "De 130 quilómetros da liña antiga pasaron a 88 na liña actual". Explicou que a orografía e a distancia serían moi similares á liña Ourense-Vigo, xa que tamén sería posible reducir os actuais 132 quilómetros da liña construída en 1881 a uns 86 ou 88. Por iso, pediu reunións con todas as administracións públicas, para informar da situación.
 
"Non temos que pensar que no Ministerio non teñen enxeñeiros ou que non fan estudos. Isto é unha simple cuestión de capricho das forzas vivas de Vigo que non se entende por que despois de 18 anos seguen machacando nun proxecto fracasado. Hai que chamarlle así".
 
"Este é un problema da sociedade viguesa, que está adormecida. Está neste momento diría que mal aconsellada".
 
"Realmente quen necesita despertar e necesita reclamar e ter unha conciencia é a sociedade viguesa. Por iso nós estamos informando a xente: que leva 18 anos perdendo tempo, perdendo anos e perdendo oportunidades de ter uns medios de comunicación normais".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia