CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Xuntanzas na Moncloa

07/05/2019 - 08:04 h

Se a xuntanza de onte fose un debate, hoxe estariamos preguntando quen gañou. E a miña resposta sería que gañaron os dous, Sánchez e Casado. Gañou Sánchez, porque conseguiu o que máis necesita no transo de empezar a súa segunda lexislatura: unha sensación de máis calma, rebaixa da acritude e ton conciliador. Visto o visto, parece claro que era o que se buscaba. E así, pasouse daquel "con vostede non teño nada que falar" a unha actitude de dar ao esquecemento, esquezamos o pasado e ímonos entender nalgunhas cuestións esenciais da convivencia. Por exemplo, Cataluña. Hai nada, Casado estaba acusando a Sánchez de venderse aos independentistas. Agora, o novo estilo é establecer unha vía de contacto e información permanente cunha única condición: que España e, polo tanto, o seu Goberno non dependa dos que pretenden romper España. Punto para Sánchez.

E gañou Casado, porque onte diciamos que poñía a proba o seu novo talante centrista, e teño escrito por aí que pasou a proba. Xa non é o da campaña. Fala temperado. Foi como se chegase á Moncloa con ese mandato tan galego de "acouga", "acouga, ho". E acougou. Nin unha palabra máis alta ca a outra. Nin un reproche. Nin unha mala palabra. Centrismo e moderación. Un Casado novo, que un pouco antes dixera "sacudimos o po". O que non houbo foron os pactos nin a oferta de pactos que onte supoñiamos, pero si o equivalente: unha disposición a trataren xuntos as cuestións fundamentais do país. E algo máis que sorprendeu a todos: Casado prestouse a pedirlle a Ciudadanos que se absteña na investidura. Parecía un axente do Goberno.

E hoxe, Rivera e Iglesias. Rivera vai exercer de oposición dura e manterá a distancia prometida. O único que se pode agardar da súa presenza é o nivel, que pode ser de ruptura ou de deixar portas abertas. E despois, Pablo Iglesias, que aí si que está a clave do futuro inmediato. O que está por riba da mesa é se se vai a coalición, como pretende Podemos, ou a un pacto de lexislatura cun programa aceptado polos dous. Eu supoño que o teñen falado, porque unha cousa así non se deixa para o estado de ánimo dunha tarde onde un dos dous pode ter unha mala dixestión. Pero desa xuntanza sairá a luz que o país necesita. Eu, Valiñas, non me atrevo a dicir nada. A prognosticar nada, quero dicir. Pero na Moncloa hai un mago que se chama Iván Redondo, que seguro que ten un coello no sombreiro, e con iso nos sorprenderá. Imos a un matrimonio de interese, pero aínda non sabemos quen pon máis patrimonio.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia