CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Alfonso Rueda: "Galicia é a única comunidade que dá axudas periódicas ás vítimas de violencia machista"

07/03/2019 - 08:12 h

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou no 'Galicia por diante' da Radio Galega que a partir de agora as vítimas de violencia machista poderán acceder a axudas para alugar unha vivenda sen ter que pasar antes por unha casa de acollida. O novo bono social de alugueiro elimina ese requisito que se esixía ata agora, co obxectivo de chegar a máis mulleres. En opinión de Rueda, isto axudará a que máis mulleres denuncien e inicien unha vida nova.

A medida enmárcase no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Rueda explicou que a Xunta está actuando noutros eidos para axudar ás mulleres que sofren violencia machista. Detallou que "Galicia é a única comunidade autónoma que dá axudas periódicas para as vítimas" e ademais "no marco do Pacto de Estado vaise traballar na educación e en promover postos de traballo para estas mulleres a través dos concellos". "As administracións están obrigadas a poñerlles doado o día seguinte a estas mulleres" di Rueda.

Sobre a conmemoración mañá do Día da Muller e as protestas convocadas, Alfonso Rueda cre que "algúns partidos están politizando o 8-M, o Día da Muller". Explicou no 'Galicia por diante' da Radio Galega que haberá membros do PP que acudan ás mobilizacións de mañá a título individual, pero criticou que se queira tirar rédito das protestas.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia