CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Ángel de la Fuente (FEDEA): "Para axustar o gasto en pensións, cómpre o esforzo de todos, incluídos os xa xubilados"

06/07/2021 - 09:01 h

FEDEA, a Fundación de Estudos de Economía Aplicada, avoga por baixar as pensións para así garantir o futuro do sistema. A idea, segundo explicou no Galicia por diante o seu director, Ángel de la Fuente, é garantir que as pensións máis baixas non perdan poder adquisitivo se soben os prezos, pero no caso das maiores, Fedea propón non vinculalas ó IPC, de forma que só se apliquen garantías se a perda de poder de compra é superior a un 6 ou 8 por cento.

"En principio todos estamos a favor de que as pensións estean vinculadas ó IPC pero só se teñen un nivel sostible. A preocupación é que agora mesmo non o teñen: gastamos máis do que ingresamos e isto vai ir a peor no futuro. Hai que facer un axuste para garantir que o sistema sexa sostible e ese axuste haberá que repartilo entre todos".

"Non podemos eximir os xa xubilados, que son moitos, e ademais foilles relativamente ben nos últimos anos en comparación con outros grupos nas dúas últimas crises. Se os blindamos ante a inflación, estamos eximindo unha parte importante da poboación de participar nese axuste e pensamos que non é o máis xusto nin o máis lóxico".

"O que proporiamos nós sería blindar as pensións mínimas ante a inflación. As outras, indexalas só parcialmente, de forma se recupere só unha parte do que se perde pola inflación cun tope. E canto chegas a unha perda de poder adquisitivo, non sei, do 6 ou do 8, entón xa outra vez recupérase a blindaxe. Pero habería que reducir un pouco... os xa xubilados terían que achegar algo a ese axuste. Cómpre o esforzo de todos, incluídos os xa xubilados".

"A alternativa é que o paguen os outros. Canto menos paguen os xa xubilados, máis terán que pagar os outros. O ministro apuntaba a que o ía pagar o baby boom. Por que só o baby boom? Terían que ser todos, protexendo as rendas máis baixas. O lóxico sería que o axuste nos afectase a todos, non só á mocidade, non só os xa xubilados, senón que se repartise entre todos".

O director de FEDEA tamén falou dos cambios que propón o Goberno para modificar a reforma laboral aprobada polo Executivo Rajoy. Di que, se os empresarios non poden facer tantos contratos temporais, terán que ter dispoñer de mecanismos para que lles sexa máis fácil e máis barato despedir persoal cando non o necesiten.

"Reducir o uso de contratos temporais é lóxico. Pero hai un risco: que acabemos eliminando os mecanismos de flexibilidade, ou restrinxíndoos de máis. Se imos restrinxir o uso de contraos temporais, que seguriamente é boa idea, a cambio o que haberá que facer é facilitar o despedimento, aínda que sexa un contrato indefinido. Que no momento en que as empresas non necesiten eses traballadores, que non sexa imposible axusta-lo cadro de persoal, a un prezo razoable".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia