CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Casado, á Moncloa

06/05/2019 - 08:04 h

Pois eu, francamente, non agardo moito desa xuntanza de Sánchez e Casado. O que se publicou foi que Casado pensa ir á Moncloa cun ton máis moderado do que tivo na campaña electoral. É dicir, que non lle vai dicir ao presidente en funcións iso de que lle gusta máis xuntarse cos que teñen as mans manchadas de sangue que cos que teñen as mans pintadas de branco. Publicouse tamén que lle vai ofrecer a Sánchez pactos de Estado. Un sería sobre inmigración e outro sobre Cataluña e quizais algún máis, que os pactos de Estado sempre son un bo tema de conversa entre dous políticos de partidos distintos.

Xa sabes, Valiñas, que, cando un problema non ten solución doada, sempre se pide un pacto de Estado, como se fose o bálsamo de Fierabrás. Quen o ofrece queda moi ben e quen o recibe non pode dicir que non. Despois, que se faga ou non se faga xa é outra historia. Sánchez dirá que si, e incluso se di que ofrecerá outros, pero as dificultades non se lle ocultan a ninguén e son basicamente dúas. Unha, que calquera pacto que lle ofrezan ten que ter a aprobación, polo menos a consulta, do seu socio de Goberno. E a segunda, se se fala de Cataluña, haberá que ver se Casado mantén que é imprescindible aplicar o 155 e se Sánchez, que agora ten a maioría no Senado, non quere saber nada diso e segue na vía de diálogo, que penso que si.

Iso por parte de Pablo Casado. Por parte de Sánchez, recibir o xefe da oposición, igual que a Albert Rivera, é un xesto de cortesía. No fondo, é mandar a mensaxe de que cumpre o que prometeu de falar con todos e pactar algo con todos. E vaino facer, coa excepción, en principio, de Santiago Abascal, porque non quedaría ben coa súa clientela facer o conto coa extrema dereita. O primeiro en ser convidado a falar é o representante do partido máis votado, que é o Partido Popular. Con iso Sánchez queda como un señor demócrata e deixa contento a todo o mundo, menos a Pablo Iglesias, que pensa que, por poñer diante a Casado e a Rivera, ao mellor quítanlle a el a oportunidade de meter a Podemos no Goberno.

Así é como vexo esa xuntanza. Co cal volvo ao principio para concluír: Sánchez seguro que vai quedar ben polo mero feito de falar con Casado e con Rivera. Quen máis xoga é Casado, sobre todo na conferencia de prensa posterior, porque é a primeira oportunidade de demostrar que tempera o seu discurso, que está disposto a axudar ao Goberno que saia en determinadas condicións e que, polo tanto, é certo que virou ao centro político. Non é pequena cousa a tres semanas das novas eleccións. E sería un milagre que da xuntanza saia un acordo de gobernación. Un auténtico milagre. Neste país todo pode ocorrer, pero non tanto, Valiñas. Non tanto.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia