CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Alberto Varela, presidente da Fegamp: "A reclamación do IVE responde máis a intereses electoralistas que a buscar unha solución"

06/02/2020 - 08:11 h

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias asegurou na Radio Galega estar convencido de que o Goberno central lles acabará devolvendo ás comunidades autónomas e tamén aos concellos e ás deputacións os cartos que lles debe polo IVE que recadaron en 2017.

Nunha entrevista no 'Galicia por diante', Alberto Varela explicou que dende a Fegamp xa reclamaran en 2018 e daquela atopárase unha solución que se ía plasmar nos orzamentos xerais do Estado de 2019, que finalmente o Goberno non puido sacar adiante. 

Na reclamación que fai á Xunta, Varela demándalle ao Goberno galego ánimo construtivo: "As cousas pódense solucionar de maneira pausada, sen facer ruído e tratando de chegar a entendementos ou facendo disto unha pequena guerra electoral, que ao final responde máis a intereses electoralistas que a buscar unha solución".

Por outra banda, o presidente da Fegamp tamén se referiu á xuntanza que mantivo onte co presidente da Xunta para falar da delimitación de competencias entre administracións. Alberto Varela sinalou que "existe unha saturación por parte dos concellos de competencias das comunidades e do Estado e cómpre ver como se pode soportar iso para que os concellos non rematen afogados".

Varela reclama que se incremente a contía do Fondo de Cooperación  Local, as achegas que lles fai a Xunta aos municipios, e incidiu en que "estamos asumindo competencias que non son nosas; gastamos 50 millóns de euros no mantemento de escolas ou no pagamento ás persoas de axuda no fogar". Engadiu que "todos os concellos deberiamos saber o que imos percibir para poder organizarnos e que haxa menos subvencións discrecionais".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia