CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Andalucía, guerra de poder

04/12/2018 - 08:03 h

O que vén agora en Andalucía é case máis interesante –e máis intrigante- que o que pasou o domingo nas urnas. Agora veñen dúas cousas: os pactos para a formación de Goberno e a loita interna no PSOE para ver quen ten a culpa da desfeita. Imos por partes.

Primeiro, a formación de Goberno. Realmente só hai unha posibilidade cos números na man: un acordo PP-Ciudadanos coa colaboración desde fóra de Vox. O entendemento do PP e Vox está feito. Abascal o único que quere é facer valer a súa importancia e botar fóra ao PSOE, e a ocasión é dourada. E o PP di que está disposto a pactar todo menos acabar co Estado das Autonomías, cousa que, por outra parte, non a pode facer un Goberno rexional. Así que por ese lado non hai dificultades. Hoxe incluso hai medios que falan da política do PP como de “branqueo” de Vox.

O problema vén pola banda de Ciudadanos, que pensa que está máis lexitimado polas urnas e lanza o órdago de que sexa presidente o seu candidato, Marín. A pregunta é: pódese aspirar á presidencia sendo o terceiro? Non poñamos límites ás ambicións. Juan Marín, como medrou tanto nas urnas, pensa que ten máis dereito que Juanma Moreno, porque el subiu e Moreno baixou. Isonon está en ningunha norma, pero sempre se pode inventar se aun partido lle interesa. Que difícil é a situación para Albert Rivera! Se se xunta coas demais dereitas, sempre levará o estigmade pactar cos radicais de Vox, e iso págase nas eleccións xerais e perde unha parte da súa virxindade. Se non permite o pacto das dereitas, deixa a porta aberta a un Goberno de esquerdas, e iso tamén se paga. É un camiño sen boa saída.

E respecto ao PSOE, trátase de buscar un culpable. Ferraz xa decidiu sacrificar a Susana, pero Susana non se considera morta e planta cara dicíndolle ao PSOE que el ten a culpa de todo. Vai ser unha loita descarnada. Pode supoñer unha escisión. É, no fondo, asegunda volta do enfrontamento Susana-Pedro, pero con máis sangue. Así que mira, Valiñas, que pouco durou aquilo que dicía Sánchez: “Susana, es o espello en que nos miramos todos”. O espello saltou polos aires.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia