CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Xabier Ramos: "Non cremos que vaia haber desabastecemento, pero canto menos xente no transporte, máis probable é"

04/10/2021 - 08:14 h

APETAMCOR, a Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia, advirte dos riscos que supón a falta de remuda xeracional e apunta que a medio prazo farían falta uns 2.000 camioneiros novos en Galicia. Culpan especialmente desa falta de interese as condicións de traballo e os baixos prezos que lles pagan os cargadores ás empresas de transporte. Díxoo no Galicia por diante o responsable de comunicación da asociación, Xabier Ramos.

"Sen dúbida as condicións son peores que hai uns anos. As empresas cargadoras que achegan a mercadoría para que llelas transportemos teñen uns prezos cada vez máis axustados. De feito, moitos dos nosos socios, sexan empresas ou autónomos, moitas veces están traballando a perdas ou case, xa sexa co gasóleo, coas dietas, etc. O que pagan as cargadoras é moi axustado".

"Hai que influír nos prezos e que sexan un pouco máis altos e tamén que a xente vexa o transporte como unha profesión atractiva. Agora mesmo teñen esixencias de formación moi altas: carné C, CAP, exames da Xunta, pagar as taxas correspondentes... Tamén todo o que é o transporte, como durmir no camión, botar moitas veces 10 ou 15 días sen pasar pola casa, pagar dietas, aloxamentos... Iso fai que para a xente nova non sexa unha profesión moi atractiva e que se decanten por outro tipo de profesións".

"Non podemos predicir se vai haber desabastecementos como no Reino Unido, pero o que está claro é que cantos menos transportistas, máis problemas de desabastecemento potenciais pode haber. Non cremos que vaia chegar a ese punto pero o que está claro é que canta menos xente haxa no mundo do transporte, máis probable é que eses problemas veñan. Polo menos, podemos perder aquilo ó que estamos afeitos a pedir por unha plataforma loxística grande uns produtos e que cheguen ó día seguinte. Iso nas campañas de Nadal pode agravarse, loxicamente".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia