CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Luís Villares, líder de En Marea: "As confluencias non naceron para subordinarse a partidos como Podemos"

04/09/2019 - 08:20 h

O portavoz do Grupo Mixto reitera as súas críticas aos seus antigos compañeiros de partido aglutinados agora baixo a marca Grupo Común da Esquerda. Acúsaos de viviren subordinados ao partido de Pablo Iglesias, polo que, ao seu xuízo "era mellor que se chamasen directamente Podemos".

Luís Villares lembra que ningunha das 370 medidas presentadas onte polo Partido Socialista para tentar convencer a Podemos de que apoie a Pedro Sánchez ten que ver con Galicia.

"Ás portas dunhas novas eleccións, o PSOE e Podemos pactan un paquete de medidas que lles soan ben. As medidas non contemplan programa ningún para Galicia. Nós preguntámonos: paga a pena esa viaxe para ese resultado? Nós buscamos ser unha forza política eficaz para acadar un Goberno progresista no Estado que poña enriba da mesa unha axenda galega e iso non se fixo ao longo destes meses".

Villares recalca que "as confluencias non naceron para subordinarse a partidos como Podemos. Estamos a tempo para recompoñer un proxecto soberano que teña relevancia a nivel estatal".

O voceiro do Grupo Mixto asegura que a crise vivida por En Marea en Galicia se debe ao "xiro centralista" que Podemos deu a nivel estatal tras Vistalegre II e aclara que "non nos queda máis remedio que ser coherentes e aprender un camiño á marxe de Podemos".

Villares afirma que o feito de que "o espazo de Alternativa Galega de Esquerdas non fose a mellor non é atribuíble a Beiras. El, coa súa xenerosidade, puxo a súa imaxe e traxectoria ao servizo dunha idea de confluencia que non foi correspondida por outros actores. Esa idea podería ser recuperada".

O portavoz do Grupo Mixto asegura que non teñen definida a súa política de alianzas en caso de que se repitan as eleccións xerais este outono e aclara que "tomaremos unha decisión unha vez estean convocadas as eleccións".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia