Galicia por Diante
Luca Chao: "Somos unha peza máis da alternativa que construiremos para derrotar a Feijóo"
Grupo Común da Esquerda é a nova denominación escollida polos dez deputados do Parlamento Galego de Podemos, Esquerda Unida e Anova que formaban parte de En Marea e que permaneceron no grupo tras a marcha de Luís Villares e outros tres deputados ao Grupo Mixto.
A responsable de comunicación, Luca Chao, espera que a "tranquilidade" marque esta nova etapa tras as liortas internas vividas meses atrás, xa que "as persoas que nos levaron a unha situación difícil con En Marea e con AGE xa non están". Chao aposta por que "cadaquén traballe no seu" e comprométese a traer á cámara "os problemas da Galicia real".
Luca Chao asegura que o Grupo Común da Esquerda "é unha peza máis da alternativa que construiremos para derrotar a Feijóo. Faltan outros actores que non están agora -apunta- e que traballarán tamén na alternativa de unidade popular".
Chao elude pronunciarse sobre as críticas vertidas por Luís Villares, que acusa a este grupo de vivir supeditado á formación morada e que o convidaba a chamarse directamente Podemos.
"A min non me gusta valorar as declaracións doutras persoas -explicaba Luca Chao-. Tampouco os seus votantes esperan que malgaste o tempo que ten nos medios para facer valoracións doutros partidos".
Chao non aclara se están en conversas con Anova para conformar un proxecto común no caso de que se celebren eleccións xerais este outono. Confía en que Sánchez "sexa responsable e acade o Goberno de progreso, que é o que din as enquisas que a cidadanía quere".
Non desbota que o Grupo Común da Esquerda chegue a acordos con Villares nalgunhas iniciativas que entren no Parlamento galego neste novo curso político, pero aclara: "Somos compañeiros de hemiciclo, pero con proxectos políticos diferentes e traballamos de xeito autónomo".