CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Oferta Sánchez

04/09/2019 - 07:37 h

Eu veño cualificando o programa que presentou Pedro Sánchez como bo, bonito e moi caro. Bo, porque é bastante completo, aínda que lle falte contemplar a realidade económica do país, que se puxo de manifesto onte mesmo cos datos do paro, os peores dun agosto dende 2008. Bonito, porque toca os aspectos máis doentes da realidade sociolóxica, como son os alugueiros, os copagos, as pensións, sobre todo as máis pequenas, ou as garderías gratuítas, clave da conciliación. E moi caro, porque todo iso hai que pagalo. Só o aumento do gasto sanitario supón 11.000 millóns de euros. Segundo cálculos do xornal La Razón, o aumento total do gasto público ascende a 25.000 millóns de euros, e hai que estrullar moito a sociedade en impostos de todos os tipos para poder pagar esa cantidade.

Respecto ao formato elixido por Sánchez para a presentación, tuvo un cheirume electoral un pouco escandaloso. Iso de ver alí todos os baróns dispostos a aplaudir cada revelación que facía o seu secretario xeral parecíase máis a unha saída de campaña que a unha oferta a Unidas Podemos, que se podía facer discretamente, nunha sala de reunións ou cun traballo conxunto. O máis doado para o comentarista é dicir que Sánchez fixo un "por se acaso": presentou unha oferta, pero, por se acaso, deulle tinturas electorais.

O por se acaso é se a Iglesias se lle ocorre dicir que non, e entón hai que ir ás eleccións, que é o que nos parece a moitos. Neste punto hai que agardar e ver. Agardar a que Unidas Podemos faga cálculos de rendibilidade e tome unha decisión. Iglesias estivo onte un pouco máis xeitoso, porque a música sóalle ben, a letra parécelle interesante, pero ten que estudalo. Ten un pouco máis difícil dicir que non, porque Sánchez tirou a casa pola ventá, ofreceu crear equipos de seguimento do pacto e ofreceu presidencias de institucións sen concretar, pero tamén sen límite.

E isto ten tamén unha lectura. Sánchez non quere unha especie de Goberno de Podemos adherido ao Goberno socialista. Un Goberno pareado, habería que dicir. Pero entregar a Unidas Podemos a presidencia do Tribunal de Contas, dos órganos reguladores, como a Comisión do Mercado de Valores ou da Competencia, de Radiotelevisión Española, quizais do Banco de España, quizais do Consello do Poder Xudicial, quizais do Defensor do Pobo, iso si que sería un Goberno adherido. E, aínda que eses presidentes non estean no Consello de Ministros, terían moitísimo poder. E con moitísima capacidade de encordio. Non sei se, rexeitando a coalición, Sánchez sae de Málaga, pero métese en Malagón.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia