CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Javier Garat, secretario xeral de CEPESCA: "Na futura lei de pesca hai cousas que mellorar"

04/06/2021 - 08:20 h

A gran patronal da pesca, CEPESCA, di que o proxecto de lei de pesca marítima, que aprobou o martes o Goberno, ten "cousas positivas e negativas", e agarda que a redacción se poida modificar nos próximos trámites no Parlamento.

O secretario xeral de CEPESCA, Javier Garat, explicou no 'Galicia por diante' que é moi positivo que a norma inclúa expresamente que a pesca debe rexerse polos "tres factores de sostibilidade": o ambiental, para xestionar ben e garantir o futuro dos caladoiros, pero tamén o económico e o social, para garantir o futuro das empresas e dos mariñeiros.

"Por escrito dise que se aposta pola sostibilidade nas tres dimensións: non só a ambiental, senón tamén a social e a económica. Para nós que se fale da social e da económica é importantístimo porque moitas veces centrámonos no estado das poboacións de peixe e esquecémonos, ou esquécense, do importante que son as persoas, o capital humano, os pescadores. E tamén as empresas, que son as que xeran emprego e riqueza".

"Pero tamén hai cousas que mellorar", di Javier Garat. E apunta especialmente que a actual redacción pode poñer en dúbida os criterios que usaron ata o de agora para repartir as cotas de peixe entre barcos e entre tipos de frota, xa que moitos pesqueiros investiron grandes cantidades de cartos en comprar cotas, algo que coa actual redacción, podería quedar en perigo, a xuízo de Garat.

"Para nós a clave é que se garanta a seguridade xurídica das empresas. E iso tal e como está escrito a nós non nos garante esa seguridade xurídica. Dicímolo porque non especifica ese documento que as reparticións xa realizadas non teñan intención de revisarse. E iso xera moita preocupación".

"É fundamental que a lei recoñeza explicitamente como válidas as reparticións feitas ata a data coa lexislación actual. Por iso, cando se fala de novos criterios para reparticións, que se mencione expresamente que se refiren ás novas reparticións, que non pretendan revisar todo o anterior porque sería algo caótico".

Con todo, Garat explicou que "de palabra" a secretaria xeral de Pesca lles dixo que non era esa a intención, pero CEPESCA reclama que "quede por escrito para evitar problemas no futuro".

 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia