Galicia por Diante
Eleccións Andalucía, resultados
Mira que teño anos, e non lembro unhas eleccións con tantas lecturas e interpretacións posibles. Podería estar toda a mañá ollando o resultado e facendo especulación. Está a irrupción de Vox, que é espectacular e superou todas as enquisas. Quen o ía dicir, pero é a formación que vai decidir se o conxunto da dereita alcanza a maioría absoluta. Está a desfeita do PSOE, que está a piques de perder un goberno que mantivo ao longo de cerca de corenta anos e, polo tanto, teñen razón os xornais que hoxe falan de terremoto. E está Ciudadanos, que é un partido que non para de medrar, aínda que lle custe moito traballo darlle o sorpasso ó PP.
Hoxe temos basicamente dúas perspectivas: a andaluza e a española. A andaluza di que o PSOE ten que pasar á oposición, pero antes teñen que falar o PP, Ciudadanos e Vox. Moito que falar, porque Juan Marín tamén se presentou esta noite como presidente e, sobre todo, hai que cavilar moito a alianza con Vox, que tamén se presentou esta noite como o partido que vai cambiar Andalucía e España, e non estou moi seguro de que nin ao PP nin a Ciudadanos lles interese a imaxe de que se entenden coa extrema dereita de Vox. Imos asistir a tempos moi interesantes.
Respecto á perspectiva española, o primeiro que hai que pensar é se as eleccións andaluzas son, como sempre se di nestes casos, extrapolables ao conxunto do país. Se foron unhas primarias das xerais, ou un ensaio, débense extrapolar, pero hai que pensar tamén que os problemas andaluces non son os mesmos que os do resto de nación. En inmigración, por exemplo. Non é mesmo o impacto en Andalucía que en Galicia ou Castela e León.
A segunda consideración é que os dous grandes, gañando, perderon. Perdeu o PSOE, pero tamén o PP. Entre os dous, vinte e un escanos e catorce puntos de porcentaxe. Iso é un voto de castigo clarísimo e un premio ás novas forzas políticas, que son realmente as artífices do cambio. O PP e o PSOE teñen que facer unha lectura moi profunda do que está a pasar neste país. Xa dependen doutros, non de si mesmos. Está cambiando moi seriamente o panorama político.
E, finalmente, que vai facer Pedro Sánchez despois disto? Se é certo que agardaba ao 2 de decembro para comprobar a mobilización do seu electorado, a resposta foi negativa. En teoría non debería convocar eleccións xerais, porque non ten o vento a favor. Pero veñen as municipais e as autonómicas e europeas, e pode ser aínda peor. Todo está así de incerto, Valiñas. O único seguro é a zoupada do PSOE.