CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

A despedida do rei Xoán Carlos

03/06/2019 - 08:06 h

A min gustaríame máis que o rei Xoán Carlos marchase cunha ovación das institucións que cunha ovación nunha praza de touros. Pero a vida é como é; a corrida fíxose como homenaxe a súa nai, os touros gústanlle e tiña que estar alí. Se lle faltou unha grande homenaxe nacional, houbo, polo menos, unha especie de despedida popular das súas actividades públicas. Como diriamos por aí, menos dá unha pedra.

Por que se retira Xoán Carlos I das súas actividades públicas? Onte publicáronse as máis peregrinas explicacións: que se agarda ou se teme un novo escándalo público, se pode haber algunha actuación xudicial de persoas que reclaman a paternidade real, como se o rei fose Julio Iglesias, que se era incompatible a presenza de dous reis. Todo é posible, pero eu non creo nada diso. O que creo é que o rei ata agora chamado emérito, cualificación que non lle gusta, quere sentirse libre e non ligado a responsabilidades institucionais.

Non pode acometelas polo seu estado físico. Estámolo vendo con problemas de mobilidade, sempre apoiado nun bastón e axudado por algunha man, por algún brazo, que colabora en que se manteña ben de pé. De cabeza está moi ben, e dou fe polas conversacións que tiven con el. Pero fállanlle as pernas despois de tantas intervencións. De feito, xa non puido acudir a algunhas das últimas tomas de posesión de presidentes iberoamericanos. E, se o rei ten necesidade de algo aos 81 anos, é de liberdade, e, como declarou nalgunha ocasión, para el a liberdade está no mar, como
se sabe ben en Sanxenxo e este verán vano saber en Finlandia, onde se dedicará a navegar.

Despois, é certo que el non está cómodo tampouco coa representación que se lle encomenda, por difusa, pero tampouco está satisfeito coa dualidade de titulares da coroa. Se ten moita presenza, parece que lle fai sombra a Filipe VI. El non quixo facerlla na proclamación do sucesor, pero despois apartárono na conmemoración dos 40 anos das primeiras eleccións democráticas. Un papa emérito pódese retirar e non aparecer máis, dedicado a rezar. Un rei emérito está mellor se non ten actividades públicas. É dicir, pasa a xubilado sen outras obrigas que as de ser xubilado.

E permíteme un engadido, Valiñas. Ao facer esta segunda despedida, que é como a segunda abdicación, eu quero dicir unha cousa: cometeu erros, e grandes erros, pero os erros non escurecen a súa figura histórica. Eu sigo pensando que foi, se non o mellor, un dos mellores reis da historia de España.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia