CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Tormentas no PP

03/05/2019 - 08:07 h

O que está a pasar no Partido Popular é que abriu a autocrítica e meteuse nun piteiro. Adoita pasar despois dunhas eleccións cando o resultado non é bo. Empézanse a buscar as causas e o que aparecen son feridas. Algunhas péchanse, pero outras seguen abertas e non se sabe por canto tempo. Como, ademais, veñen eleccións municipais, autonómicas e europeas, prodúcese a tormenta perfecta: aos tronos da autocrítica xúntanselles os raios das agresións exteriores e o morbo dos medios informativos, que, cando cheiramos sangue, imos por ela.

Quero dicir que canto está ocorrendo é o normal despois de pasar de 137 escanos no Congreso a 66 e de perder estrepitosamente a maioría absoluta no Senado. O diagnóstico de causas que fixo o presidente Feijóo é o correcto, ao meu xuízo: o PP cometeu un erro de estratexia e de posición e deixou de ser o que era. E eu engado: por iso hai que facer unha viraxe urxente ao centro político. Por iso hai que distanciarse de Vox, que tanto dano fixo. Por iso hai que recuperar a propia identidade.

O que virá despois será, probablemente, unha crise de dirección, que polo momento está aparcada para non deixar opartido descabezado para as eleccións do 26 de maio. Por iso Casado se esmera tanto en reafirmarse como xefe da oposición, en contra de Albert Rivera, que quere ir polo mundo lucindo ese distintivo. E quizais por iso o mesmo Casado, en coincidencia con Esperanza Aguirre, trata de salvar a súa responsabilidade dicindo que a caída empezou con Rajoy no Goberno. Temo que esta acusación non fará máis que reabrir as feridas e provocar división, precisamente cando se busca a identidade.

Intre delicado, porque o partido Vox hoxe é indesexable no conxunto de España, pero é socio de Goberno en Andalucía. E Vox, que insultou o PP todo o que quixo con iso da "dereitiña covarde" e outras lindezas, agora non atura que lle chamen "extrema dereita", e Francisco Serrano, o seu voceiro no Parlamento andaluz, ameaza: "Non é correcto insultar a quen se senta a negociar os Presupostos". Ao PP só lle faltaba romper con Vox en Andalucía e perder o Goberno andaluz. O que se pode recomendar, por tanto, é o seguinte. Primeiro, confianza, que o PP estará en crise, pero é un gran partido. Segundo, temperanza para deixar arrefriar as cabezas e non dicir moitas barbaridades que dividen. E terceiro, recuperar a posición na liña que di Feijóo: poñerse na posición. Como di a Xunta de Castela e León, "máis Feijóo e Herrera e menos Aznar".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia