CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Virus, o desastre económico

03/02/2021 - 07:34 h

Aquí estamos, uns días contando contaxiados, todos os días contando mortos, e ás veces, coma hoxe, contando parados. É o prezo do coronavirus. Altísimo prezo que nunca pensamos que teriamos que pagar. Os datos de paro de xaneiro teñen dúas caras, como todos os meses. Teñen a cara dos postos de traballo que se desfixeron, casi 220.000, e das preto de oitenta mil persoas máis que engrosan o paro rexistrado. E teñen a cara que lles pon o Goberno cando nos lembra que o ano pasado foi aínda peor. Incluso nos podemos conformar con que este mes sempre é malo, porque é cando acaban os contratos da campaña de Nadal. En calquera dos casos, é unha realidade moi doente, porque xa superamos o 16 por cento de parados, no caso das mulleres chega ao 18 por cento, e no caso dos rapaces a unha porcentaxe intolerable do 40 por cento.

Exposto isto, que nos agarda? Os datos económicos xerais son tamén moi malos. Onte publicábase que pecharan 45.000 empresas, pero outras fontes falan de cen mil ou máis. Pequenas, sen dúbida, pero son familias e son as que crean emprego neste país. Moitas delas son as que vemos polas rúas coas contras botadas e letreiros de venda ou de alugueiro. Tamén se publica estes días que hai medo a que se disparen os impagos e as insolvencias, porque a cousa non da máis de si.

Quedan máis de setecentos mil traballadores nos ERTE, e deles case 300.000 son da hostalería. Cóntase que se dispararon os concursos de acredores a fin do ano 2020, aínda que non hai datos estatísticos concretos. Do turismo, que queren que lles diga. E a imaxe máis terrible é a das colas nos bancos de alimentos e nos comedores sociais. Todo isto que estou dicindo non é froito de busca na información de varias semanas. É recollido da prensa de dous días; dos últimos dous días.

Non é estraño que unha onda de pesimismo nos inunde a todos. E seguiranos inundando mentres non se chegue a ese obxectivo de inmunizar polo menos o 70 por cento da poboación. E iso significa que nos agardan aínda uns meses malos, e despois xa veremos como se produce a recuperación.

Nestas circunstancias supoño que non se poden facer máis que dous comentarios. O primeiro é para dicir que hai que protexer a xente que o está pasando peor. Todo o que se faga por estender, como onte fixo o Consello de Ministros, o ingreso mínimo vital é unha obriga de xustiza, se non queremos que isto rebente. E o segundo é para subliñar que non se entende que ante unha situación así todos os representantes políticos non estean traballando xuntos polo país e pola paz social, e teñamos que velos nesas por quen reparte os fondos europeos.

É canto teño que dicir, benquerido Valiñas. Se vísemos esa actitude no Goberno e na oposición, a situación sería igual de grave, pero sería máis pequeno o cabreo social.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia