CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Amós García: "Poderemos sacar a máscara cando teñamos o 50% da poboación vacinada"

02/06/2021 - 08:13 h

O presidente da Asociación Española de Vacinoloxía, Amós García, defende que a porcentaxe de inmunización da poboación debe ser o criterio para decidir a retirada do uso obrigatorio da máscara e aféalles aos goberno autonómicos o anuncio de datas para relaxar esta medida.

Nunha entrevista no 'Galicia por diante', García sinala que "non se poderá sacar a máscara ata que non teñamos unha cobertura de vacinación do 50% da poboación e vexamos o impacto que esas coberturas teñen na evolución da pandemia. Será entón cando empecemos a falar de quitar os elementos de protección. Non debemos falar de datas senón de coberturas".

"Estamos vacinando intensamente, estamos indo polo virus, pero tamén hai que ter claro que hai que seguir conservando as actitudes que permitiron ata o de agora convivir co virus. É dicir, que as autoridades sanitarias tomen as medidas oportunas para controlar o peso da pandemia e ao mesmo tempo reforzar na cidadanía o uso das medidas preventivas como a máscara, a distancia física, o lavado de mans, a ventilación. Son dúas liñas estratéxicas fundamentais para seguir controlando e avanzando na pandemia" apunta Amós García.  

O presidente da Asociación Española de Vacinoloxía insiste en que é necesario que as vacinas cheguen a todos os países do mundo porque "se hai espazos xeográficos amplos de poboación desprotexidos e sen vacinar, iso contribuirá a crear novos casos e a que aparezan novas variantes".

Sobre o proceso de vacinación, Amós García destaca que "está evolucionando bastante ben". Descarta que haxa de novo problemas na chegada de vacinas aínda que si admite que "podería haber algunha complicación en canto á chegada das doses de Janssen" pero di que "en ningún caso tería entidade. A produción de vacinas está xa normalizada, polo menos as de ARNm, e isto marca un escenario diferente ao de meses anteriores".

García lamenta a polémica xerada pola vacinación dos menores de 60 anos. Asegura que "isto estase a ver coma un partido de fútbol en que uns son do equipo de Pfizer e outros do equipo de Astrazeneca. Non é razoable".

"Hai que ser conscientes de que se un pon Pfizer é correcto, non vai ter ningún problema de seguridade e vai ter unha resposta protectora evidente. Xa o están facendo en Francia, Alemaña, Suecia e O Canadá. Se unha persoa colle Astrazeneca, vai ser difícil que teña un proceso secundario nocivo de tipo trombótico coma os descritos. O fundamental é rebaixar o ton e o importante é recibir a segunda dose sexa de Pfizer o de Astrazeneca" asegura.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia