CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

José Ruiz, presidente Real Instituto Elcano: "Hai que reconstruír mellor e de xeito máis permanente para xerar máis riqueza"

01/10/2021 - 09:13 h

O presidente do Real Instituto Elcano, José Ruiz, reflexionaba nunha entrevista no Galicia por diante sobre os fondos europeos e a recuperación económica tras a pandemia.

Ruiz, un dos relatores do Foro La Toja, considera prioritario que os proxectos estratéxicos de recuperación e transformación económica, que se financiarán con cargo aos fondos europeos, estean "ben definidos e planificados". Asegura que "está en xogo non só a industria e a recuperación económica senón tamén a reputación de España no exterior".

O presidente do Real Instituto Elcano entende que non é o momento de "urxencias" senón que é momento de definir e planificar ben os proxectos e que "sexan consistentes entre si e vaian fluíndo no tecido industrial, na agricultura ou nos servizos da economía española".

Sobre a recuperación, Ruiz avoga por non deixarse levar polas estatísticas nin polas previsións e poñer o foco nos empregos e actividades do futuro. "O tema non é que teñamos o mesmo PIB previo á pandemia senón que o PIB, que é o que producimos, nos permita ser ricos no futuro. Non podemos xerar as mesmas actividades, tarefas e empregos que había antes da pandemia. O importante é ser capaces de reasignar os recursos para ter actividades e empregos de futuro. Máis que se chegamos en febreiro ou no mes de abril, o importante é reconstruír mellor e de xeito máis permanente que xere máis riqueza".

Destaca Ruiz que un dos cambios entre a crise provocada pola pandemia e a do 2008 é que "as autoridades e sociedades do mundo déronse conta de que cos niveis de desigualdade actuais, os axustes non se poden facer como se fixeron antes".

Sinala que a redución das desigualdades é "tan importante coma reducir a débeda. Non é un problema de cando se vai volver á próxima redución do gasto ou a un incremento dos impostos. 

O importante é saber en que gastas e se o gastas ben. Se realmente se produce unha resignación de recursos que che fan crecer e se ese crecemento contribúe a reducir as desigualdades. Ese factor de redución das desigualdades é o que temos moito máis claro e é unha prioridade. É un requisito dese proceso de consolidación e crecemento".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia