CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

J. Vicente de los Mozos, presidente de ANFAC: "Ou gardamos a competitividade ou teremos problemas de viabilidade"

01/10/2021 - 08:43 h

Os fabricantes de coches advirten que as grandes marcas poderían pechar factorías en España se o sector non se adapta. O presidente da asociación de fabricantes ANFAC, José Vicente de los Mozos, tamén director xeral adxunto do grupo Renault, reclama especialmente fábricas de baterías e mellorar a formación dos traballadores. Dicíao no Galicia por diante.

"Mentres sexamos competitivos, España seguirá sendo atractiva para a industria do automóbil. O que é certo é que España agora mesmo está nun brete en Europa: por un lado, os postos de decisión están en Francia e en Alemaña. E polo outro lado temos toda a Europa do leste e o Magreb, que son máis baratos ca nós. Ou gardamos a competitividade ou teremos problemas de viabilidade. Xa non é só un tema de salarios. É un tema de custos enerxéticos, de que a formación se debe adaptar porque temos un bo nivel de persoal pero hai que facer reestyling para as novas tecnoloxías, temos que ter fábricas de baterías en España..."

"O mundo do automóbil foi cara a unha electrificación. E esa electrificación pasa por unha hibridación recargable como antesala ó coche eléctrico. Hoxe o coche eléctrico é unha mobilidade sobre todo para as grandes cidades, pero non é unha mobilidade entre cidades. O híbrido e o híbrido enchufable é unha solución de transición ordenada".

De los Mozos cita como principais problemas a falta de autonomía, a falta de puntos de recarga e o tempo que dura esa carga. Por iso, insiste en que os motores de combustión "aínda poden ter percorrido".

"Anuncios como o de que no ano 2035 o motor de gasolina non vai ser viable o único que fai é confundir o consumidor. Hoxe hai coches coa normativa actual europea e hai que deixarlle ao consumidor que consuma o que queira dentro da normativa".

O presidente de ANFAC tamén insistiu en que Europa debe dispoñer de fábricas de circuítos integrados "obrigatoriamente" para non depender en exclusiva do mercado do sueste asiático. É por iso que tamén ve con bos ollos unha posible alianza cos Estados Unidos.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia