Galicia por Diante
Ethel Vázquez: "É imprescindible evitar a escalada de prezos na AP-9"
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, afirma que o obxectivo dos descontos que entraron en vigor a pasada medianoite nas peaxes das autoestradas entre A Coruña-Carballo (A-55) e Puxeiros-Val Miñor (A-57) "é axudar a uns 200.000 usuarios; agardaremos coas cifras xa reais semana a semana cantos usuarios se están a beneficiar desta iniciativa". Pagarán a metade se circulan entre a medianoite e as seis da madrugada e teñen o sistema de telepeaxe. Tamén se lles aplicarán descontos de arredor do 25 por cento para aqueles que fagan a viaxe de volta o mesmo día, sempre que se teña telepeaxe.
Ethel Vázquez explica que coa medida "tamén queremos [na Xunta de Galicia] mandar unha mensaxe de que predicamos co exemplo e somos coherentes coas demandas que trasladamos ao Ministerio de Fomento". Di que "estas autoestradas xa teñen das peaxes máis baixas de España pero son autoestradas que dan servizo a centros económicos como o Porto Exterior da Coruña, o Polígono de Sabón, o Polígono de Bertua, o Polígono do Porto do Molle e, polo tanto, queremos beneficiar a estes centros de actividade, aumentar a seguridade, dobre carril implica dobre seguridade pero tamén creo que é unha medida en coherencia coas demandas ao Ministerio de Fomento, que aplique este modelo que é extrapolable á AP-9, é unha medida para o sector do transporte, de apoio ás familias na súa economía con descontos importantes pero queremos tamén que estas medidas o Goberno de España as aplique á AP-9, que vén sufrindo unha escalada de prezos nos últimos meses".
A conselleira de Infraestruturas cre que "hai que evitar esta escalada de prezos na AP-9, que vemos que é algo imprescindible porque se está a aplicar unha política de peaxes que prexudica a Galicia, estamos a ver coma nos últimos meses pasados se liberaba da peaxe a AP-1, a AP-7, as radiais de Madrid con descontos importantes nocturnos e diurnos, e na AP-9 vimos en catro meses unha escalada que supón un incremento de cinco veces o IPC e todo o que queda por vir porque hai un incremento acumulativo nos próximos 20 anos como consecuencia dunha decisión dun Goberno socialista". Asegura que "en canto teñamos un Goberno que non estea en funcións será pedida a Comisión Bilateral da AP-9 de xeito inmediato".