CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

José Francisco Armesto: "Non podemos esperar a lanzar un proxecto só polo feito de que temos unha subvención"

01/07/2021 - 08:14 h

O Foro Económico de Galicia pon en dúbida a xestión dos futuros fondos comunitarios de recuperación Next Generation. Un dos economistas da entidade, José Francisco Armesto, explicou no 'Galicia por diante' que hai unha falta de transparencia na xestión dos proxectos e tamén unha falta de axilidade que pode supoñer que Galicia non use os cartos para cambiar a estrutura produtiva.
 
"Persoalmente eu son bastante escéptico. A potencialidade é tan grande, tan grande, que corremos o risco de non aproveitar ben eses fondos se non traballamos ben. Non podemos esperar a lanzar actividade só polo mero feito de que temos unhas subvencións, cousa que na miña opinión fíxose cos fondos anteriores, os fondos estruturais. Temos que aproveitalos para mudar a nosa estrutura produtiva".
 
"Se aproveitamos ben, poder ser importante. Agora ben, como dixo a AIREF, na miña opinión hai unha falta importante de transparencia en canto a que proxectos se van desenvolver, como se van desenvolver... Hai un aspecto fundamental: hai 3 anos para investir os fondos. É unha cantidade moi importante e un período de tempo moi curto para facer ese investimento. Temos que ser moi áxiles, cousa que ata o de agora non fomos. Temos que apostar por proxectos que realmente incidan no territorio e na xeración dun emprego de alto valor engadido e alta calidade".
 
Fóra diso, Armesto tamén apuntou que o Foro agarda unha forte recuperación da economía no segundo semestre do ano, de forma que o 2021 peche cun crecemento de máis dun 6 por cento.
 
"Considero que vai haber un bo verán. Comparado co anterior evidentemente porque o anterior foi moi malo. Pero vaise recuperar porque a evolución de vacinación está sendo boa, e iso permite ser algo optimista. Problema? O comportamento individual da xente. Se nós non estamos concienciados de que temos que achegar cada un de nós o noso gran de area, as expectativas poderán empeorar e por tanto a evolución positiva será cada vez menor, ou non será tan importante como a día de hoxe pensamos que pode ser".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia