CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Eleccións catalás, primeiro

01/02/2021 - 07:34 h

Todas as eleccións autonómicas celébranse cada catro anos. A excepción é Cataluña, que en oito anos leva catro lexislaturas. Iso é, como parece natural, pola inestabilidade case sempre e porque unha vez houbo a aplicación do 155 que, por decisión do goberno Rajoy, desembocaba nas eleccións de hai dous anos, que gañou Ciudadanos, pero non serviu de nada, porque, por moitos equilibrios que fixera non ía a xuntar maioría abonda para elevar a Inés Arrimadas a molt honorable presidenta. Así que nin siquera se molestou en intentalo.

Agora, as eleccións do 2021 van ser coma todas as que as precederon: vai haber moita loita entre nove partidos e van gañar os independentistas. Tamén como sempre, nas enquisas foi por diante Esquerra Republicana, pero non sei como fai, que na suba do porto das urnas, perde fol e sempre lle gaña o partido de Puigdemont, que nesta chámase Juns per Catalunya. A novidade da tempada é o efecto Illa, que xa veremos se funciona. Se mo permiten, direilles que a miña confianza en que lle saia ben a Illa é que Iván Redondo está detrás como muñidor.

E dito iso, non farei mais prognósticos, que todo pode cambiar. Pero farei tres apuntamentos do que me parece máis crucial. O primeiro é sobre os presos. Saíron en liberdade co terceiro grao de xeito que pasaron directamente do cárcere ao mitin. Non vou entrar en se o terceiro grao foi concedido con dereito ou sen el. Xa o dirán o fiscal e o Tribunal Supremo. O que digo é que para o común dos independentistas o Estado é represión e cárcere, e a administración autonómica é liberdade. Unha vez máis, a astucia ou a trampa xoga a favor dos independentistas e o Estado queda como un parvo que mira o dedo en vez de mirar a lúa.

O segundo é a transcendencia para a unidade da nación. Non temos nin idea do que pode vir despois destas urnas. Como o independentismo teña máis do 50 por cento dos votos, Junts xa dixo que proclamará a independencia. Non é tan doado, isto non é Kosovo, e nin sequera hai unidade entre Junts e Esquerra para facer iso, pero significará o comezo dunha nova tensión.

E o terceiro apuntamento é para dicir que o 14 de febreiro non se pon en xogo só o futuro de Cataluña. Ponse en xogo en parte o futuro do Goberno español, porque non se sabe como quedarán as relacións entre o PSOE e Esquerra, que con fondos europeos xa rompeu o bloque de investidura. E ponse en xogo tamén o futuro da dereita española. Non é o mesmo se o PP saca moito mellor resultado que Vox, que se Vox pasa por diante do PP. E esa loita entre os dous prexudica tamén o constitucionalismo. Se os partidos que defenden a Constitución e a unidade nacional se desfán entre eles, regálanlles moita vantaxe aos que queren a separación. Toma isto, benquerido Valiñas, como un prólogo. Porque, faltando catorce días, xa verás como nos queda moito que falar.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia