CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

Jorge Cebreiros: "Dá a impresión de que este país ou este Goberno en funcións apostou porque non existan electrointensivas"

29/12/2019 - 08:10 h

O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, critica a inacción do Goberno Central en relación á industria electrointensiva. Nunha entrevista na Radio Galega este domingo, Jorge Cebreiros dicía que non confía en que se aprobe pronto o estatuto para este tipo de empresas de gran consumo de electricidade e afirmaba que "parece que a liña é precisamente a contraria, como se viu na última poxa de enerxía, onde empresas electrointensivas que temos na nosa comunidade quedaron fóra da poxa. Dá a impresión de que este país ou este Goberno en funcións apostou porque non existan empresas industriais electrointensivas, polo menos en Galicia. E cremos que vai na liña absolutamente contraria. Así se están manifestando os traballadores, tamén o fixemos dende o punto de vista das organizacións empresariais, pero a ninguén parece importarlle".

O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra advirte en relación ao borrador do novo regulamento da Lei de Costas que "se vai adiante esa proposta, Galicia non sei que porcentaxe do seu PIB podería perder, pero sería un dano irreversible". Cebreiros afirmou ademais que "non creo que teñamos a entrada do AVE en Ourense, en Galicia, ata 2022" e quéixase de que "parece que detrás da etiqueta en funcións nada pode funcionar. É algo que aos empresarios nos sorprende moito. Nós non estamos en funcións".