CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

Da Vinci chega aos quirófanos das sete áreas sanitarias de Galicia

29/05/2021 - 11:30 h

Un sistema robótico que beneficia os cirurxiáns, pacientes e o propio sistema público de saúde, xa que reduce os tempos de quirófano, UCI e ingreso en planta.

O xefe de Uroloxía do CHUAC e presidente dos Urólogos de Galicia, o doutor Venancio Chantada, comentou no 'Galicia por diante', que os pacientes serán operados con maior precisión, e correndo menos riscos. Tamén os postoperatorios serán máis leves.

Da Vinci é un robot. O cirurxián manexará o sistema desde unha consola en que, ademais de operar o paciente, poderá combinar información do historial do enfermo, e incluso recibir suxestións do equipo médico en tempo real.

O nivel de detalle das zonas operadas en 3D, xunto á precisión do robot, abre un novo mundo dentro da cirurxía, permitindo que se accedan a zonas inalcanzables coa tecnoloxía anterior.

O doutor Chantada tamén se referiu á porta que abre Da Vinci aos transplantes de ril, que veremos en Galicia nun futuro moi próximo.

Da Vinci supón un investimento de 20 millóns de euros, que será acometido con fondos europeos. O robot recibirá actualizacións cada certo tempo, para adaptarse ás melloras que se vaian implementando no futuro.