CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

Fernando Serrulla, antropólogo forense: "As persoas desaparecidas teñen dereito a ser identificadas e enterradas con dignidade"

29/05/2021 - 11:04 h

A dimensión humanitaria da medicina forense foi o aspecto central que explicou no programa o antropólogo forense do Imelga Fernando Serrulla: "A antropoloxía forense está collendo un enorme auxe, desafortunadamente, grazas ás persoas que falecen sen identificar”.

Unha das recentes actuacións de Fernando Serrulla ten que ver cos problemas que suscita a identificación de migrantes que morren na fronteira con África. Colabora coa ONG Caminando Fronteras, que axuda os familiares de persoas migrantes desaparecidas: "Unha identificación complexa, porque ás veces nin sabemos, sequera, cal é o país de procedencia. As organizacións non gobernamentais traballan coas familias, tratando de contribuír con datos de persoas vivas, e facilitalos aos institutos de Medicina Legal, Garda Civil, etc.”

Serrulla colabora nesta dimensión da antropoloxía forense humanitaria na identificación de persoas desaparecidas durante a Guerra Civil. Lembrou que no ano 2000 a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, promoveu a primeira exhumación científica da guerra civil.

"Ás veces acúsannos erroneamente de que só identificamos cadáveres dun bando, pero non se axusta á verdade. Colaboramos con calquera familia que teña un familiar desparecido, pero é certo que a maioría son familias de vítimas republicanas que reclaman a identificación".

Lembrou tamén a experiencia que o levou a traballar na identificación de 121 soldados vítimas da guerra das Malvinas. Unha experiencia que lle permitiu aprender de dereitos humanos e de traballo en equipo.

“O exército británico fixo unha cousa infrecuente nunha contenda: recolleu os cadáveres dos contrincantes, esparexidos pola illa, cumprindo coas normas da guerra, e foi capaz de dar sepultura digna aos adversarios, pero non puido identificar os 121 corpos”, salienta.