CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

Confederación de Empresarios de Lugo: "Queremos afastarnos da batalla Norte-Sur pero parece que esta aí"

28/11/2020 - 09:40 h

Continúa a polémica tra-la repentina renuncia de José Manuel Díaz Barreiros como presidente da Confederación de Empresarios de Galicia. 

Jorge Cebreiros, presidente dos empresarios pontevedreses, dicía esta semana que estaba atónito logo da dimisión de Barreiros xa que a solicitude da súa patronal pra coñecer as actas do proceso electoral, circunstancia que motivou a renuncia do presidente electo, tan só era -di- un exercicio de transparencia.

Por outra parte, tres organizacións sectoriais criticaban actitudes ditatoriais no seo da confederación e tamén manipulación, que vinculan cos representantes da Coruña, Lugo e Ourense.

Ante estas acusacións, o presidente da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López, sostén que estas declaracións son unha falacia e define como incomprensible esta situación.

Nunha entrevista no Galicia por Diante da Fin de Semana, o presidente dos empresarios de Lugo di que a decisión de Díaz Barreiros é persoal e hai que respectala pero sinala que se deben "tomar medidas a nivel interno". Nega a loita entre as organizacións de empresarios do norte e sur de Galicia pero ve lóxico que, ante esta situación, a sociedade albisque un posible enfrontamento.