CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

Santiago Agrelo, arcebispo emérito de Tánxer, sobre a crise migratoria: "Vivo esta situación como se esas persoas fosen a miña familia"

23/05/2021 - 11:04 h

O franciscano Santiago Agrelo, arcebispo emérito de Tánxer reflexionou no 'Galicia por diante fin de semana' sobre o drama migratorio e humanitario derivado do conflito diplomático entre Marrocos e España.

Moi crítico coa situación vivida, Agrelo manifestou a súa alegría por producirse esta situación: "É unha forma de facer entrar nas nosas casas o mundo dos pobres, para o que pido ser visibilizado. Todo o que sucedeu en Ceuta en días pasados representa unha utilización dos migrantes ao servizo dos intereses políticos”.

“O desentendemento entre Marrocos e España págano os inocentes de sempre”, sinalou. “A sociedade ten a responsabilidade de canalizar e acoller estes rapaces”.

"Todas as nacións do mundo comprometéronse a axudar os emigrantes e refuxiados; compromiso que figura en documentos, pero á hora da verdade non se fai nada. A min confúndeme e dáme noxo, non só en relación aos emigrantes en xeral, senón cos nenos en particular”, salientou.

Santiago Agrelo contou experiencias persoais vividas ao outro lado da fronteira que lle deixaron pegada, como o caso dunha familia á que coñecera e bautizara algún dos seus membros: "Morreron todos afogados no estreito”. Pero Tamén o caso de Víctor, un bebé bautizado de urxencia no hospital italiano de Tánxer: "É un vencedor porque logrou sobrevivir ”.