CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

Alberto Núñez Feijóo: "A vacinación contra a covid-19 comezará na segunda semana de xaneiro"

13/12/2020 - 08:08 h

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou nunha entrevista no 'Galicia por diante' a aprobación este xoves en Consello da estratexia de vacinación fronte á Covid-19 para comezar a subministración da vacina na segunda semana de xaneiro. Definirase a loxística e o almacenamento da vacina de Pfizer, que será a primeira en chegar.

Alberto Núñez Feijóo sinala que as primeiras 45.000 doses que agardan recibir estarán destinadas aos internos nas residencias da terceira idade.

"As primeiras doses non van ser suficientes para todos os maiores de 65 anos, por tanto, parécenos correcto comezar por aqueles que están nas residencias da terceira idade. Son unhas 22.000 persoas. As primeiras doses serán para eles", asegura nas ondas da Radio Galega.

Sobre o plan para o Nadal, o presidente da Xunta anticipa que a recomendación do Goberno galego será: reunións de dúas unidades familiares, non xuntarse con achegados e que se vai regular tamén o Día de Reis.

Núñez Feijóo agarda que en Nadal se poidan levantar os peches perimetrais e que se permita a apertura da hostalería ata as 23.00.

"Penso que as cidades galegas teñen moitas posibilidades de abrir ata as 23 h. Creo que a maioría poden quedar fóra da obriga de establecer límites municipais; é dicir, que se poidan romper os límites de salvagarda, pero non podemos asegurar que todas as cidades poidan estar nesta última situación", concreta.

Advirte o presidente do Goberno galego do risco alto dunha terceira onda tras o Nadal. Di que dependerá do grao de cumprimento das medidas de protección. Engade que o obxectivo non é celebrar o Nadal, senón seguir ben despois do Nadal.