CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

Gaspar Bernárdez, divulgador ambiental: "Galicia é un inmenso xardín botánico por todos os costados"

05/06/2021 - 11:05 h

Apaixonado da natureza, Gaspar Bernárdez reflexionou no 'Galicia por diante FDS' sobre como a pandemia lle deu un respiro á natureza, diminuíndo a presión que o factor humano exerce nela de xeito case constante.

Nesa ollada pola xeografía fixo parada na riqueza paisaxística do litoral galego, convidando as persoas a achegarse, con respecto e prudencia, a ecosistemas moi diferentes. "A flora das praias e as dunas é moi sensible e delicada. Hai que ser moi prudente á hora de pisar unha semente".

Gaspar Bernárdez engade: "O clima atlántico e mediterráneo que caracteriza a Galicia reflíctese tamén nas plantas que se fan máis visibles”.

Respecto ao 'Catálogo das árbores senlleiras de Galicia', do que Gaspar Bernárdez é coautor, apuntou que igual que hai novas incorporacións como os buxos do pazo de Quinteiro da Cruz, no Salnés, tamén hai árbores que causaron baixa, tanto pola desaparición física propiamente dita, como a araucaria do pazo de Rubiáns ou por seren vitimas de temporais ou estragados pola neve.

No seu traballo como divulgador ambiental, tamén ten a oportunidade de realizar moitas saídas con colexios para aprenderlles aos rapaces os segredos da natureza. "Son un fervente defensor de que o cambio está na xeración dos que veñen detrás, creando un futuro mellor para a natureza".

Destacou Gaspar Bernárdez que a sú última descuberta foi o chamado teixo dos Sete Homes, no Courel, concretamente, na devesa da Escrita, un dos exemplares máis grandes de Galicia.