CRTVG

Buscar

Galicia en Goles

Jonathan Pereira: "Rebaixaba o soldo para xogar no Celta, pero nunca se puido facer"

26/02/2021 - 20:37 h

O vigués Jonathan Pereira, un nómade do fútbol, pasou onte polo 'Galicia en goles' na súa primeira entrevista tras a súa retirada. De feito, foi neste espazo deportivo da Radio Galega onde confirmou que colga as botas: "Si, son xa exfutbolista. Foi un alivio porque non desfrutaba. Foi un calvario. En marzo pasado operei de novo a cadeira, coa pandemia, non quedei ben, non rematei a gusto para poder competir. Non quería enganar a ninguén. Chamáronme moitos equipos, pero cando non desfrutas do fútbol non podes seguir. Tiven lesións pero nunca graves. Niso tiven sorte."

Esta fin de semana xogan Celta e Valladolid, o equipo da súa cidade e un dos moitos conxuntos en que militou. Durante moito tempo falouse da posibilidade do regreso de Jonathan a Vigo. Pereira responde: "É unha mágoa, pero así é o fútbol. Xogar no Celta era o meu soño, pero non o puiden lograr. Tivemos varias negociacións en varios anos, onde sempre poñía da miña parte, rebaixaba o soldo para xogar no Celta, pero non se puido facer"

Con 33 anos Pereira fala do seu futuro: "Quero seguir vencellado ao fútbol. Estou traballando nun proxecto dunha escola enfocada nos valores. Darlles aos nenos os mecanismos para ser unha boa persoa. Estou facendo un máster de Dirección Técnica de Fútbol Base. Gústame todo e quero ver que rama é a que máis se me axeita. Estou investigando, se adestrador, 'ollador'..."