CRTVG

Buscar

Galicia en Goles

Conversamos con Jorge Cuesta, extécnico do Celta xuvenil, que adestra en Wuhan, na China

22/10/2021 - 21:03 h

O fútbol xuvenil está de moda. A remonta do Deportivo ante o Pogon Polaco, con máis de 8.500 persoas en Riazor, o pasado  mércores na Youth League  copou portadas e titulares en toda Europa. 

O anterior campión da Copa de España de xuvenís foi o Celta, adestrado por Jorge Cuesta. No Galicia en Goles deste venres quixemos manter unha longa e interesante conversa cun mozo técnico que agora está en Wuhan, vivindo novas experiencias: "Levo 42 días de corentena. Hoxe volveron saír dous casos novos aquí e a xente anda un chisco nerviosa, pero  a vida vai normalizándose. Agás no transporte e nos centros comerciais, ás veces esqueces que aquí comezou todo hai dous anos. A decisión de vir era poder experimentar novas sensacións. É unha oportunidade nun momento no que necesito trocos. Vin facer o que facía na casa a un lugar a 10.000 quilómetros onde teñen moita ambición".

Sobre a súa experiencia na base do Celta, Cuesta recoñeceu que "o primeiro ano quedamos eliminados en semifinais co Zaragoza. O ano seguinte xa estaba Lauti, Gabri Veiga, Miguel, que tanto rendemento están dando no filial. Somos campións pola pandemia, tivemos o premio da Youth League pero a pandemia quitounos esa opción. Pasei 12 anos na canteira do Celta. É innegalbe que eu desexaría adestrar ao filial. Houbo un ano en que quizais puido darse, por lóxica. Pero coa chegada de Onésimo, fíxoo ben e é normal que confíen nel. Cumpriu obxectivos e está claro que hai momentos na vida no que é mellor marchar que estar desmotivado. Non teño nada que recriminar. na vida hai que saber ser xusto coa xente que fai ben o seu traballo, como Onésimo. É certo que, tras moitos anos, non poder adestrar ao filial desmotivoume e vin que non podía ser útil ao club".

Sobre o Deportivo e a afluencia a Riazor o pasado mércores, Jorge Cuesta considera que "é digno de eloxiar. Hai que ter os pés no chan con estes rapaces. Por estadística chegarán un ou dous ao primeiro equipo, pasa en todos os clubs. É certo que é bo momento para apostar por unha xeración que ten éxito, nesa categoría que permite ir crecendo e poder ser a base do primeiro equipo cando regresen a primeira como pasou co Celta con Hugo, Iago, etc.... Hai que lembrar que esa xente comezou co equipo en Segunda e cando non había cartos. O Deportivo ten un bo espello no Celta nese caso".