Galicia en Goles
Os partidos do Celta, do Lugo e a Segunda B protagonizan o 'Galicia en goles' da Radio Galega.
No polideportivo destaca o Betis-Obradoiro da ACB.
A Radio Galega dedica vinte e cinco horas ao deporte desde a tarde do venres ata o domingo pola noite na programación da fin de semana.
A xornada polideportiva centra o 'Galicia en goles' do venres, co seguimento aos partidos Liceo-Calafell, de hockey a patíns; Palma-Basquet Coruña, de baloncesto; e Parrulo-Barcelona e Jaén-Burela, de fútbol sala. Desde as oito e media da tarde, Paco Santos conectará con estes encontros e logo atenderá a última hora dos equipos galegos que compiten na fin de semana.
O sábado, desde as 3, a atención da xornada pasará polo fútbol de Segunda co Ponferradina-Lugo, desde o Toralín, e de Segunda B, co Langreo-Racing, no estadio Ganzábal. Na Terceira hai tres citas: Arousa-Polvorín, Ourense C. F.-Viveiro e Ribadumia-Arzúa.
O domingo, a edición matinal adianta o comezo ás once e vinte e cinco coa retransmisión do Valladolid Promesas-Celta B, na fase de ascenso á Segunda División. Ademais, o programa estará presente no Numancia-Compostela e Covadonga-Coruxo, de Segunda B, xunto a tres encontros de Terceira e o Deportivo-Valencia, da Primeira feminina. Desde as 3, o protagonismo será para o Celta-Osasuna, de Primeira, e o Marino-Deportivo e Oviedo B-Pontevedra, de Segunda B. A Terceira e o Betis-Obradoiro de baloncesto completan a oferta de retransmisións.
Ademais de 'Galicia en goles', os oíntes da Radio Galega poden seguir na fin de semana estoutros espazos de temática deportiva. O sábado, á 1 do mediodía, Alfonso Pardo dedica o 'Convivir deportivo' ao Club Deportivo Guntín. Na última hora do día, ás 11 da noite, Rodrigo Pérez resume a crónica do motor no 'Gas a fondo' e ás once e media Toni López actualiza a información olímpica no 'Galicia en Toquio'.
O domingo, ás 11 da noite, Pedro Pablo Alonso pecha a semana coa mesa de debate de 'Ao contraataque', en que os especialistas debaten sobre os resultados do Celta, Lugo, Dépor e o resto de equipos galegos que compiten na Segunda B.