Galicia en Goles
Rubén Albés: "O partido gañouno o corazón"
O Club Deportivo Lugo segue con vida na Segunda División tras derrotar por dous goles a un o Mirandés nun Anxo Carro que volveu recibir seareiros.
Dezaseis xornadas despois o conxunto da Muralla volveu gañar e colle folgos con vistas á permanencia grazas a remontar o tanto inicial do Mirandés con dous penaltis transformados por Manu Barreiro nos últimos seis minutos de partido.
A épica foi tal que o técnico Rubén Albés non quixo falar na conferencia de prensa de aspectos futbolísticos e si emocionais: "Non vou entrar no táctico e estratéxico. Hoxe gañou o corazón e a xente. Flipei co público. Animando en cada ataque, perdendo. O equipo xogou con emoción. A emoción gañou o partido. Gañou o corazón"