Galicia en Goles
Celta-Xetafe, este mércores na Radio Galega
Esta semana dispútanse dúas das últimas tres xornadas da Liga de fútbol na Primeira División. A antepenúltima cita do calendario chega este mércores para o Celta de Vigo, que recibe en Balaídos o Xetafe a partir das oito da tarde. Desde as oito menos cuarto, Paco Santos conduce a edición extraordinaria de 'Galicia en goles', coa narración de Roberto Carlos Carballo e os comentarios dos especialistas Víctor López, Jose Valtierra e Moncho Carnero.
O Celta afronta este compromiso nun momento doce, tras golear o finalista da Europa League, o Vilarreal, no seu campo da Cerámica. Mentres, o Xetafe xoga un encontro son sabor a final, xa que ao perder fronte ao Eibar entra no grupo de candidatos a perder a categoría ao remate da temporada.
A emisión do 'Galicia en goles' prolongarase ata as dez da noite e a partir das once, o programa 'Ao contraataque' ofrecerá a comparecencia do adestrador Chacho Coudet e abrirá mesa de debate para analizar o sucedido en Balaídos.