Galicia en Goles
Athletic de Bilbao - R. C. Celta, este venres na Radio Galega
A xornada da fin de semana comeza na Radio Galega o venres ás oito e media do serán. Paco Santos conduce o Galicia en goles ata as 12 da noite coa retransmisión do partido da Primeira División entre o Athletic de Bilbao e o Celta de Vigo, que se disputa en San Mamés. Víctor López, José Valtierra e Moncho Carnero acompañarán a Roberto Carlos Carballo na narración e análise dos noventa minutos de xogo.
O sábado, desde as 3 da tarde, a emoción da xornada pasará polo Mirandés-Lugo, da Segunda División A, e polo derby da Segunda B entre os dous primeiros clasificados do subgrupo 1A, o Pontevedra e o Deportivo da Coruña. Ademais, terá protagonismo toda a xornada da Terceira, que se adianta un día para que os equipos teñan descanso de cara aos compromisos do martes festivo. O Tenerife-Obradoiro, da Liga ACB, e o derby da LEB entre o Breogán e o Ourense completan a axenda do día.
Xa o domingo, ás 12, Galicia en goles contará o derbi da Segunda B en Barreiro, entre o Celta B e o Compostela, xunto ao seguimento ao fútbol feminino de Segunda Nacional e á División de Honra xuvenil. Desde as 3, a sesión da tarde estará centrada noutro encontro de rivalidade, o Racing de Ferrol-Coruxo, xunto ao Basquet Coruña-Palencia de baloncesto, o Guadalajara-Cangas de balonmán e o Bueu-Sala Ourense da Terceira de fútbol sala.
Coma cada domingo, ás oito e media do serán, xornalistas e adestradores debaterán sobre os resultados dos nosos equipos no Faladoiro, un espazo que, ademais de escoitarse nas ondas, tamén se ve polo streaming Mira RG, da web radiogalega.gal.
A fin de semana ten reservadas outras citas para a audiencia en materia deportiva. O sábado, á unha do mediodía, Convivir deportivo visita o concello de Beariz, onde o tríatlon e o tiro son as disciplinas máis practicadas. Ás 11 da noite, Rodrigo Pérez achega a última hora do motor no Gas a fondo, mentres ás once e media Toni López dá voz aos deportistas galegos que preparan os Xogos Olímpicos nunha nova entrega do Galicia en Toquio.
Por último, o domingo, ás 11 da noite, Pedro Pablo Alonso pecha a fin de semana coa mesa de debate de Ao contraataque.