CRTVG

Buscar

Destacados

Fútbol, baloncesto e a carreira Enki, no 'Galicia en goles'

17/10/2019 - 09:35 h

O Galicia en goles do venres vai estar dedicado ao fútbol sala e ao baloncesto. Desde as oito e media do serán, Paco Santos dirixe as retransmisións dos partidos Santiago-El Pozo Murcia, da Segunda División masculina, e o Huesca-Basket Coruña, da Liga Española Ouro.

O programa continúa o sábado ás tres da tarde, da man de Xoán Galán, con atención especial ao encontro da Segunda División de fútbol entre o Lugo e o Huesca, desde o Anxo Carro. Despois chegará a cita da ACB no Sar, entre o Obradoiro e o Real Madrid, xunto aos encontros da LEB Breogán-Alacant e Marín-Guipuzkoa. O Parrulo-Xaén de fútbol sala e a carreira solidaria Enki na Coruña completan a oferta do día.

Xa o domingo, o Galicia en goles adianta o comezo ás doce menos cuarto polo Alavés-Celta, de Primeira División, desde Mendizorroza. Na edición matinal, os oíntes tamén terán información do Sanse-Celta B e do Fabril-Bouzas. A partir das tres, a atención estará posta no Deportivo-Málaga, en Riazor, e en tres partidos de Segunda B: Racing-Atlético B, Pontevedra-Getafe B e Coruxo-Castilla. A xornada de Terceira, na que destaca o Barco-UD Ourense, tamén terá protagonismo durante a tarde.

A partir das oito e media do serán, adestradores e xornalistas reúnense no Faladoiro para debater os resultados dos nosos equipos. A análise da xornada terá continuidade ás once da noite, no Contraataque, con Pedro Pablo Alonso.

As outras citas deportivas da fin de semana son o Convivir Deportivo, o sábado á unha da tarde. Desta volta, Alfonso Pardo desprázase a Vilagarcía para dar voz ao traballo do Cortegada. Ás once da noite, os seareiros do motor teñen unha cita co Gas a fondo, e ás once e media Toni López conducirá unha nova entrega de Galicia en Toquio.

Cortes dos diferentes programas da RG