CRTVG

Buscar

Especial Eleccións

Informativos Radio Galega.- A Comunidade de Madrid celebra este martes unha xornada electoral clave que determinará en boa medida o futuro escenario político nacional. A Radio Galega ofrecerá desde primeira hora unha ampla cobertura informativa para analizar todas as claves da cita coas urnas.

A correspondente da Radio Galega en Madrid, Cruz Martínez, e o director da segunda edición de 'A crónica', Xosé Luís López Vila, relatarán desde a capital de España a evolución do proceso electoral. Con directos en todos os informativos e nos programas 'Galicia por diante' e 'A tarde', a radio pública abordará as cifras de participación, a evolución do escrutinio, as reaccións dos protagonistas e o sentir da ampla comunidade galega residente en Madrid.

Ás oito menos cuarto da tarde arrancará o especial informativo que se estendera ata a madrugada, da man dos xornalistas Luís Ojea, Celia Rúa e Alejandro Gesto. Con eles analizarán todas as claves da xornada referentes de opinión habituais da Radio Galega como Luís Pérez, Martín García Piñeiro, Ana Luísa Bouza, María Jamardo, Javier Casqueiro, Ricardo Colmenero, Fernando Ónega, Bieito Rubido, Susana Rodríguez, Arturo Maneiro, José Luis Jiménez e Fran Espiñeira.

Pola programación especial da Radio Galega pasarán tamén os directores dos principais xornais de Galicia, que achegarán múltiples perspectivas informativas dunha cita electoral con grande interese estatal.