CRTVG

Buscar

Diario Cultural

Lemos 'Por puntos' e 'Eternos propietarios'

16/04/2019 - 10:47 h

Esta semana Armando Requeixo tráenos dúas propostas narrativas que converxen no seu protagonismo coral e no fortuíto das vidas que se cruzan: as novelas Por puntos, de Manuel Portas, e mais Eternos propietarios, de Jorge Emilio Bóveda.

Por puntos (Galaxia) recrea as existencias de varios personaxes que coinciden, por azar, asistindo todos a un curso para a recuperación do carné de conducir, o que dá razón do título da novela. Descoñecidos entre si, iremos descubrindoque estes seres teñen máis en común do que parece e que os seus temores eilusións, as súas soidades e procuras de agarimo son ben máis concordantes do que a primeira vista puidese pensarse. Un retrato de vidas cruzadas nas que o amor e o humor teñen moito que dicir e o inesperado agarda sempre á volta de cada páxina.

Eternos propietarios (Do Peirao) é tamén unha novela de protagonismo colectivo, neste caso centrada no vivir cotián dos membros dun bloque de pisos que son convocados a unha reunión de veciños. Cada capítulo desta obra vai presentándonos os inquilinos dun dos inmobles, amosando as súas relacións problemáticas coa veciñanza e revelando as súas ansias e temores, odios e paixóns, esperanzas e frustracións, que fan da comunidade unha auténtica polvoreira de emocións que acabará por estoupar na xuntanza do remate daobra, que conclúe dun xeito ben sorprendente.