CRTVG

Buscar

Diario Cultural

Banda deseñada e teatro na Revista Galega de Teatro

12/12/2018 - 10:51 h

A última publicación da Colección de Banda deseñada da Erregueté xunta a creación dramatúrxica de Fernando Epelde coas ilustracións de Manuel Tudela. Unha versión de 'A caixa negra', obra que fala dos abusos sexuais a menores e da reconstrución dun pasado traumático a partir da escoita de fitas de casete. Coa pátina e a iconografía do ano 92 e cos referentes daquel ano marcado polos Xogos Olímpicos de Barcelona, a Expo de Sevilla, os crimes de Alcàsser ou o boom inmobiliario que provocaría a burbulla do ladrillo. Motivos todos eles inspiradores, igualmente, da creación intertextual que Fernando Epelde fará tamén no seu novo proxecto musical e de videocreación psicodélico titulado Alcàsser 92.

A versión e o formato desta nova peza de pezas, que fortalece a intriga na descuberta de novos datos daquelas vítimas da pedofilia, susténtase na condensación poética da trama, no uso de imaxes e cores que recrean o ambiente e as tensións dramáticas e nos diversos planos e saltos temporais que nos ofrecen as viñetas. Un novo xeito de achegarnos ao teatro a través do cómic, ou de achegarnos ao cómic a través do teatro.