CRTVG

Buscar

Diario Cultural

O teatro e a tecnoloxía dixital

08/05/2019 - 10:54 h

As tendencias escénicas amósannos a forte presenza que a linguaxe do cinema ou o uso de ferramentas tecnolóxicas, dispositivos ou códigos da comunicación dixital teñen na escenificación.
Comezamos este percorrido polo espectáculo Interferencia varada da compañía Xerpo, residente na Sala Ingrávida do Porriño. Esta é unha peza especial para a compañía, de tránsito e de nexo entre a poesía (visual e verbal, cos haikus da escritora Helena Villar Janeiro) e a tecnoloxía.

Dende a vídeoconferencia, a proxección de transparencias, fragmentos de filmes ou unha cámara que recolle primeiros planos e obxectos, toda unha serie de elementos que se mesturan coa estética Wabi-Sabi, a expresión verbal condensada e asombrosa do haiku e a reflexión conceptual sobre o espazo e o tempo.

Un tempo e un espazo adicado á contemplación, á emoción e á visibilización da obra e das descobertas de mulleres pioneiras coma Jocelyn Bell, Hedy Lamarr ou Hannah Courtay. Un posicionamento ideolóxico claro e xusto da directora e do actor (Irene Moreira e Álex Sobrino) con respecto á ciencia, a arte e o feminismo.