CRTVG

Buscar

A Crónica | Fin de Semana

Xosé Manuel Barreiro, voceiro do PP no senado

26/08/2017 - 14:12 h

Xosé Manuel Barreiro, voceiro do PP no Senado, dicíalle este sábado nunha entrevista na Radio Galega ao presidente da Generalitat que "é o momento de traballar xuntos". Despois de que Carles Puigdemont afirmara nunha entrevista que lle pedira ao Goberno que non fixese política coa seguridade, Barreiro respondía que "non é o momento para este tipo de cuestións".

O elemento fundamental diante destes acontecementos está na unidade de acción, dende o punto de vista político, de actuación dos corpos de seguridade. E demostrouse que tivo lugar en Cataluña e isto é o que demanda de nós a sociedade e iso é no que nos temos que centrar. Temos que traballar todos unidos, todos xuntos

Nese sentido, invitaba a sumarse ao pacto antixihadista a todas as forzas políticas:

Aí hai que estar e non se pode estar a medias. Non se pode estar de oínte por así dicilo. Polo tanto eu invitaría a todos os grupos políticos que participan entre aspas como observadores a que dean un paso adiante, un paso firme

O voceiro do grupo popular no Senado insiste en que a unidade "é a arma fundamental contra o terrorismo" e salienta o valor nese senso da manifestación convocada esta tarde en Barcelona.

Xosé Manuel Barreiro tamén lle advertía ós soberanistas en Cataluña que "o referendo non se vai a celebrar".

Non se vai celebrar porque é ilegal. Nin a nosa estrutura nin o noso ordenamento xurídico o permite e porque ademais non se pode permitir que uns cantos políticos, porque non é o pobo catalán, senon uns cantos responsables políticos pretendan decidir algo que afecta ó conxunto da cidadanía española

 Despois de que Puigdemont dixese dispoñer de máis de 6.000 urnas para a consulta, Barreiro insiste en que "o Estado de Dereito ten a fortaleza suficiente pra facer que se cumpra a lei" e garante que se usarán todos os instrumentos legais, non pechando a porta á aplicación do artigo 155 da Constitución.

O artigo 155 é un instrumento que está recollido na nosa Constitución e o Goberno non vai a renunciar a aplicar ningún instrumento legal, ningún instrumento que recolla o noso ordenamento xurídico para facer cumprir a lei

Ao mellor nos equivocamos se o focalizamos exclusivamente nun determinado artigo. Afortunadamente o Estado de Dereito en España ten a fortaleza suficiente e instrumentos suficientes para facer cumprir a lei

O voceiro popular no Senado laiáse da "indefinición" que aprecia neste eido na "actual dirección do Partido Socialista" e apela a que os socialistas "sexan coherentes coa súa historia e os seus principios"  porque considera que nesta cuestión  "non debemos andar con paños quentes".

Barreiro tamén se refería na entrevista na Radio Galega á apertura do curso político que o PP desenvolve mañá na Carballeira de San Xusto en Cerdedo-Cotobade e á que asistirá o presidente do partido, Mariano Rajoy. O voceiro dos populares no Senado sitúa de cara ao novo curso como obxectivo fundamental "continuar traballando no proceso de crecemento económico".

Asentando as políticas que deron bos resultados, que permitiron que España e en particular Galicia lidere o crecemento económico e polo tanto a creación de emprego e que ó final consigamos acadar ese obxectivo do 2020 ter 20 millóns de persoas traballando