Destacados
Carolina Bescansa: "Sentín alivio cando me chamou Errejón e Más País aspira a facer política responsable"
A cabeza de lista de Más País pola Coruña nas eleccións xerais, Carolina Bescansa, considera que as protestas violentas dos últimos días en Cataluña "é unha significación do fracaso da política, penso que é o momento en que os responsables políticos teñen que saír a dicir con contundencia que rexeitan todo tipo de violencia, o dereito á manifestación e á protesta pacífica non se pode ver contaminado pola posición dos violentos que queiran converter esta sentenza en algo que non é".
Sobre as palabras de condena a eses disturbios pronunciadas a pasada noite por Quim Torra, Bescansa considera que son palabras "imprescindibles e de feito é sorprendente que tardara tanto en pronuncialas, pero afortunamente chegaron e esperemos que teñan o seu efecto". Sobre a resposta do Goberno central, a cabeza de lista de Más País pola Coruña sinala que "ata agora o Goberno está nunha posición de espera, penso sinceramente que a democracia está perfectamente garantida en Cataluña, outra cousa é que vexamos problemas de orde pública que é algo diferente, pero temos un marco xurídico e uns dispositivos para garantir que esa orde é recuperada, e penso que ninguén nestes momentos está pensando que non é posible garantir a orde pública en Cataluña, o que pensamos é que non ten sentido que para garantir a orde pública teñamos que asistir a noites que deixan 40, 50, 70 feridos entre axentes dos corpos e forzas de seguridade do Estado, os Mossos d'Esquadra e os manifestantes, iso non ten sentido ningún, non é apoiado por ninguén e constitúe unha minoría que non é soportada por ninguén".
Carolina Bescansa di que "o presidente da Generalitat e todos os responsables políticos, tamén os líderes da oposición en Cataluña, teñen que marcar unha liña de reencontro, de reapertura da política, do diálogo e deixar de facer como se a outra metade de Cataluña non existise".
Bescansa di que se presenta ás próximas eleccións "coa aspiración de empezar a facer política responsable no país, penso que chegamos a estas eleccións que non se deberían ter que celebrar nunca, precisamente como consecuencia da irresponsabilidade do PSOE, do PSdeG e de Podemos, que desembocou, despois de tantísimo esforzo por construír unha maioría alternativa de goberno, que a xente o fixo o 28 de abril nas urnas... non foron capaces os responsables de formar un goberno, de converter ese grande acordo cidadán nun goberno de cambio e de progreso, iso non é razoable nin aceptable". Di que "cando me chamou Íñigo Errejón para dicirme que tomara esta decisión de concorrer e construír esta plataforma, sentín moito alivio e penso que estamos a facer o que precisa o país". Sobre se Más País vai dividir o voto da esquerda afirma "que ese xeito de facer política, de desautorizar o de ao lado, é precisamente o que nos levou ata aquí, nós temos moi claro que despois do 10 de novembro imos ter que impulsar un acordo coa xente do PSOE, do PSdeG, coa xente de Unidas Podemos e, por conseguinte, non ten sentido esa crítica, o noso adversario é a posibilidade da formación dun goberno reaccionario en España... que pode estar á volta da esquina, de feito este escenario electoral parece que ao que máis vai beneficiar é ao PP e a Vox".
A número 1 de Más País pola Coruña non se pronuncia se se presentará ás próximas autonómicas e indica que "penso que é unha irresponsabilidade estar agora barallando as cartas con vistas a un ano, agora mesmo o que o país precisa é formar un goberno de España, formar un goberno que teña capacidade para recuperar os miles de millóns que Europa ten permitido de gasto social, que aborde a transición ecolóxica xa, temos moitísimos problemas nas Pontes, temos problemas coa nosa industria en moitos puntos agora mesmo, temos que empezar a entender que o que é urxente non é o que marcan os titulares, o urxente é o que ten que ver coa vida da xente toda e esa é a tarefa que temos por diante, que non é cousa pequena".