CRTVG

Buscar

Ao Contraataque

As ligas de fútbol e baloncesto, no Galicia en Goles

30/10/2019 - 23:53 h

O venres festivo comeza a programación de retransmisións deportivas da Radio Galega. Ás oito e media do serán, Paco Santos conduce a primeira edición de Galicia en Goles, centrada nos partidos de fútbol sala Burela-Peñíscola, da Primeira División, e Santiago-Zaragoza, da Segunda.

O sábado, a partir das tres, toda a atención do programa dirixido por Xoán Galán estará no estadio Fernando Torres, onde o Deportivo da Coruña visita ao Fuenlabrada, coa narración de Javi Torres. Despois deste encontro de Segunda, o protagonismo será para o derbi da Segunda B entre o Coruxo e o Celta B. Fóra do fútbol destacan outros encontros de rivalidades como o Teucro-Cisne de balonmán e o Poio-Ourense de fútbol sala feminino.

Xa o domingo, a edición matinal comezará ás doce e rematará ás dúas e media, tralo Joventut-Obradoiro da Liga ACB de baloncesto, e dous encontros con presenza galega na LEB: Cáceres-Ourense e Marín-Canoe. Ademais haberá fútbol co Pontevedra-Melilla, de Segunda B, e o Fabril-UD Ourense, de Terceira. O Liceo-Vic de hóckey sobre patíns completa a oferta polideportiva.

Ás tres menos cuarto, a sesión de tarde terá dous partidos da xornada: Celta-Getafe e Lugo-Raio Vallecano. Tamén haberá seguimento ao Racing de Ferrol-Getafe B, na Segunda B, e aos seis encontros de Terceira que completan a xornada de Liga.

A partir das oito e media, adestradores e xornalistas sentarán no Faladoiro para opinar da xornada. A mesa de debate prolongarase ás once da noite, coa edición de Ao Contraataque. As dúas emisións poden verse a través do 'streaming' de Mira RG, na web radiogalega.gal

A fin de semana deportiva na Radio Galega complétase con tres espazos de diversa índole durante a xornada do sábado. Á unha da tarde, Alfonso Pardo rende homenaxe ao Pazos de Borbén, que a temporada pasada gañou a Liga e a Copa de fútbol sala. Ás once da noite, Rodrigo Pérez resume a actualidade do mundo do motor no Gas a fondo, mentres ás once e media Toni López entrevistará a unha das estrelas do tríatlon mundial, Xabier Gómez Noya, no Galicia en Toquio.

A actualidade deportiva con Pedro Pablo Alonso.