A Tarde
Miguel López: "A consulta presencial é esencial para manter a Atención Primaria"
Miguel López del Pueyo é médico de familia. Hai unhas semanas finalizou a súa estadía no Centro de Saúde de Muros. Ao rematar o seu contrato, deixou constancia dos momentos extraordinarios vividos nunha carta que se fixo viral.
"Empregar a lingua nai do doente é a forma máis sinxela de darte conta dos seus problemas"
Miguel é rioxano e dende o 2017 está en Galicia traballando no Sergas. O contrato no concello muradán foi o máis prolongado que tivo. Dous anos e dous meses, cando a maioría son contratos de poucos días.
"As políticas de contratación do Sergas deberían ter máis en conta a cuestión da eventualidade"
O doutor recoñece que outros profesionais teñen condicións laborais iguais ou máis duras; "como as enfermeiras". Salienta que a situación de contratos eventuais pódese prolongar durante moito tempo e destaca que cando comezan a traballar xa non son uns novatos.
Este médico de familia pon en riba da mesa cuestións como a non cotización de moitos profesionais na fin de semana ou a imposibilidade de solicitar os mesmos permisos ca outros compañeiros.
"Non se pode atender un paciente correctamente por teléfono na maioría dos casos"
Ademais, Miguel tamén falou sobre a situación actual da Atención Primaria. Apunta que se debería volver canto antes a presencialidade. "Por un lado, debido á demora da atención telefónica; e polo outro pola perda de confianza dos pacientes. A telemedicina ten o seu lugar moi concreto", sentencia.