CRTVG

Buscar

Galicia en Goles

A Radio Galega, nas semifinais de ascenso á Liga ACB de baloncesto

01/06/2021 - 18:49 h

O mércores, desde as oito e dez da tarde, os primeiros partidos

Chega o momento máis importante da temporada na Liga Española de Baloncesto e hai dous equipos galegos que optan á única praza de ascenso á ACB. Este mércores comezan as eliminatorias de semifinais e a Radio Galega contará os partidos dos nosos desde as oito e dez da tarde ata as 11 da noite.

O Breogán comeza xogando no Pazo; ten o factor campo ao seu favor. O seu rival é o Alacante, que deu a sorpresa nos cuartos de final ao eliminar o Castelló.

O Basquet Coruña, mentres, debe principiar a domicilio, na cancha do Granada, que foi o primeiro clasificado tras a segunda fase. Así e todo, os andaluces necesitaron do desempate e dunha prórroga para chegar a esta rolda.

Raúl Villares, en Lugo, e Javi Torres, desde Granada, encargaranse da narración, coa dirección de Paco Santos desde os estudios centrais. Ás 11 da noite, os oíntes terán o resumo dos dous encontros cos protagonistas en directo no espazo 'Ao contraataque'.

As eliminatorias de semifinais continuarán o sábado en Alacante e na Coruña, tamén cos micrófonos da Radio Galega nas dúas pistas. No caso de ser necesario o desempate, os afeccionados ao baloncesto volverían ter unha nova cita na Radio Galega o mércores 9 de xuño pola noite.