CRTVG

Buscar

Santiago, 29.12.2020.- Como é tradicional no penúltimo día do ano, a Radio Galega e a Televisión de Galicia retransmitirán este mércores en directo a 'Translación dos restos do apóstolo Santiago' (11.20 h), un acto solemne en que se lembra que, segundo a lenda, os restos de Santiago o Maior arribaron a Galicia desde o porto palestino de Jaffa no século I, despois de que o Apóstolo fora decapitado. A cerimonia estará presidida polo arcebispo de Santiago, Julián Barrio, e durante a misa terá lugar a tradicional Ofrenda Nacional por parte do delegado rexio, que nesta ocasión é o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

A retransmisión da 'Translación dos restos do apóstolo Santiago' estará conducida por Cristina García para a Radio Galega, con comentarios desde o interior da catedral de Alberto Rivero.

Pola súa banda, a retransmisión da TVG estará comentada por Moncho Lemos e Fernando Madriñán, e poderase ver a catedral compostelá tras case unha década en obras. Este acto é, xunto coa festividade de Santiago como patrón de España, o 25 de xullo, o acontecemento relixioso máis importante do ano na basílica compostelá.

Este acto relixioso poderase seguir tamén en directo, en streaming, a través da páxina web da CRTVG (www.crtvg.es/en-directo/cerimonia-de-traslacion-dos-restos-do-apostolo).