CRTVG

Buscar

A Crónica 14h

Pere Cardona: "A probabilidade de ter un trombo é moito máis alta coa covid que coa vacina"

20/04/2021 - 14:19 h

No informativo 'A crónica', con Silvia Pereira, entrevistamos a Pere Cardona, portavoz da Sociedade Española de Neuroloxía.

Sobre a vacinación con AstraZeneca e Janssen, Pere Cardona insiste na importancia de vacinarse e sinala que "a probabilidade de ter un trombo nun paciente covid é altísima", mentres que coa vacina, o risco é "moi baixo". Engade tamén que "pacientes con antecedentes de trombose venosa recibiron xa a vacina".

O doutor Pere Cardona explica que as sociedades científicas queren trasladar unha mensaxe de precaución porque "cando hai unha posible reacción adversa non rexistrada, o importante é estudalo e analizalo".

O portavoz da Sociedade Española de Neuroloxía sinala que "a trombose venosa cerebral relacionada coa vacinación é un proceso que acostuma acontecer a pacientes entre 40, 50 e 60 anos. Adoitan evolucionar bastante ben, o problema é que, no contexto das vacinas, a trombose está asociada a unha diminución das plaquetas e, por tanto, os tratamentos que hai que administrar son un pouco diferentes aos habituais", sostén.

O doutor explica que os síntomas son moi inespecíficos como "mialxia ou cefaleas, que son síntomas que se poden asociar a outras afectacións como, por exemplo, un proceso gripal". Tamén asegura que hai moitos pacientes que xa superaron a covid, pero que continúan cun proceso de cefalea tensional, semellante á xaqueca, que persiste a pesar dos tratamentos.

Informativo con Silvia Pereira