CRTVG

Buscar

Zaragoza declara a alerta vermella e piden que non se colla o coche

Publicado o 09/01/2021 20:54


Aragón segue en alerta vermella por neve e xeo e non descarta pedir axuda á Unidade Militar de Emerxencias. Segundo a axencia estatal de meteoroloxía, de momento vai seguir nevando e poden acumlarse ata 20 centimetros de neve en calquera punto de Teruel ou Zaragoza. A capital amenceu cunha capa de neve espesa e con perigosas placas de xeo que chegaron a paralizar o tranpsorte público. O alcalde pedía precaución a través das redes sociais.

Jorge Azcón, alcalde de Zaragoza: "Quero pedir por favor que ninguén colla o coche se non é estritamente necesario porque vai haber problemas de mobilidade, é moi importante que a xente teña coidado cando saia camiñar polas beirarrúas, vai haber placas de xeo".

O concello acordou pechar os parques para evitar accidentes pola caída de árbores pero xa houbo incidentes deste tipo. Os servizos de limpeza e as quitaneves traballan sen descanso para restablecer a circulación polas estradas de toda a comunidade. Os bombeiros tiveron que rescatar un autobús atrapado polo temporal.

Garda civil: "Pero nada, debido a que non para de nevar, pasa a quitaneves, axiña se cobre a calzada" "Os camións usuarios da vía están embolsados en distintos puntos" "Polas pintas e a intuición, ata mañá non imos saír, seguro, seguro"

E Renfe suspendeu a circulación de trens de media e longa distancia. Ademais, este domingo o Goberno aragonés decidirá se abren os colexios o luns. Pero mentres rapaces e maiores gozan dunha nevarada como non se vía desde hai anos.

 "Fixemos guerra de neve, botámonos en zorra, bonecos de neve, divertímonos moito"

Noticias web

09/01/2021