CRTVG

Buscar

Yolanda Díaz, sobre a marcha de Xoán Carlos: "A imaxe é moi mala para o noso país"

Publicado o 05/08/2020 18:38
Yolanda Díaz, sobre a marcha de Xoán Carlos: "A imaxe é moi mala para o noso país"

A ministra Yolanda Díaz defendeu este mércores que a "exemplaridade" debe presidir a actuación de todas as institucións, "tamén a Casa Real", e que os acontecementos que concluíron coa marcha de Xoán Carlos I fóra de España dan "unha imaxe moi mala para o noso país".

"Hoxe a sociedade española, no século XXI, quere exemplaridade, quere comportamentos limpos, quere institucións que estean en niveis hiperexigentes e paréceme que este debe ser tamén o comportamento que rexa a actuación da Casa Real. A imaxe é moi mala para o noso país", sinalou a titular de Traballo.

E engadiu que cando unha institución, "sexa eclesial, política, sindical" ou sexa "a Casa Real", se aparta desas normas de comportamento exemplar, "fai dano a todos".

A ministra Díaz, de Unidas Podemos, fixo estas reflexións ao ser preguntada en Las Palmas de Gran Canaria sobre a política aberta arredor do anterior xefe de Estado, tras a firma do Plan Integral de Emprego de Canarias co Goberno desta comunidade autónoma.

A ministra de Traballo declinou facer máis valoracións sobre este asunto, respecto ao cal se remitiu expresamente ás consideracións que o presidente, Pedro Sánchez (PSOE), fixo este martes en nome do Executivo tras o Consello de Ministros.

Ao preguntarlle sobre se cre que é o momento de reformar a Constitución para cambiar o modelo de Estado, a ministra lembrou que PSOE e Unidas Podemos teñen un acordo de Goberno que comparten e, ao mesmo tempo, manteñen "lexitimamente" opinións diferentes "en moitas materias".