CRTVG

Buscar

Díaz pídelle á CEOE que se "resitúe" porque "as veces, non negociando pérdese"

Publicado o 17/09/2021 15:16

A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, fixo este xoves un chamamento aos empresarios para "resituarse" ante as próximas mesas de diálogo social porque "ás veces, non negociando pérdese", afirmou. 

Díaz dixo que ela mesma estaba disposta a pechar a negociación da suba do salario mínimo interprofesional por debaixo dos 15 euros mensuais que finalmente se acordou cos sindicatos, pero que a ausencia da CEOE nesa negociación levou a cantidade finalmente a esa cifra.

Logo de reunirse en Santiago co presidente da Xunta, Núñez Feijóo, a vicepresidenta segunda defendeu que ás mesas vaise a negociar e lamentou que a patronal acudise cunha proposta de "cero euros" e saíse cunha proposta de "cero euros".

Antes, Díaz amosara a súa satisfacción tras o acordo subscrito cos sindicatos para a subida do salario mínimo interprofesional ata os 965 euros, e destacou que é unha decisión "do Goberno". Foi á súa chegada a Santiago de Compostela, onde participou nun foro sobre emprendemento feminino, onde Díaz manifestou estar "moi satisfeita" co pacto cos sindicatos do que se descolgou a patronal.

"Estamos a traballar no diálogo social", destacou a responsable de Traballo, que tamén negou a existencia de diferenzas no executivo despois de que a vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, asegurara na xornada do xoves que non existía un acordo asinado para subir o SMI, que foi confirmado horas despois.

"É unha decisión do Goberno de España", destacou Díaz, que di que está "moi satisfeita" cun acordo que chegará "a 80.000 galegos e a medio millón de persoas" en todo o estado.

O presidente da CEOE, Antonio Garamendi, asegura que si tentaron negociar, durante meses,pero que Traballo xa levaba á mesa unha proposta pechada, "dicindo que isto é así porque son o Goberno e fágoo".

A patronal considera que esta suba vai aumentar a economía somerxida e destruír emprego, conclusións que non comparten os sindicatos. Para Unai Sordo, secretario xeral de CCOO, "non é de recibo a actitude de CEOE", aínda que considera que "non vai contaminar as seguintes mesas".

O presidente do Banco de España tamén avaliou hoxe a medida. Cre que a curto prazo podería ter efectos negativos, moderados, especialmente no emprego de mozos e maiores de 45.

Noticias web

17/09/2021